domingo, 26 de abril de 2015

Barco ó mar

O pasado martes a Balbina deixou o carro para voltar ó mar.

Nesta varada aproveitamos para facer unhas cantas reparacións de urxencia.

Limpamos e pintamos toda a cuberta. Fíxose o caseto do motor. Tamén rematamos as brazolas que faltaban.


Dóuselle unha man de pintura ó pañol de proa.

Repasamos a obra viva, lixándoa, metendo espichos, recravando onde se necesitaba e dándolle Silver e patente.

Na obra morta botámoslle unhas cantas táboas na popa, un tramo do cintón.


E o máis novedoso é o cambio de cor. Abandoamos as cores clásicas da Balbina para pintala do noso corporativo beige Patexeiros, co cintón en marrón.


Tivemos que abandoar o carro sen rematar de todo os traballos porque tiñan que entrar varios barcos ó estaleiro.

Como vedes nas fotos fáltanos por instalarlle a cheminea, os portillos do caseto, arranxar a sorraina e parte do caurel e pintar o folio dun costado e o nome.


A manobra foi perfecta.


Queremos agradecer a colaboración do Estaleiro-Carpintaría Lorbé por axudarnos e asesorarnos con varias cuestións, por facilitarnos a estancia durante tantos meses.

Tamén nesta ocasión agradecemos a colaboración de Pinturas Proa e de Xylazel. Dúas empresas galegas comprometidas coa preservación do patrimonio marítimo.


Seguiremos facendo as reparacións restantes a flote.

martes, 14 de abril de 2015

Cuberta casi rematada

Ó longo desta pasada semán estivemos dándolle varias máns de Xylazel á cuberta e ó caseto da Balbina, para que quede ben protexida.


Leva tres máns, dúas delas cunha mixtura de alquitrán e linaza e a terceira só de Xylazel para que protexa todo o conxunto. Parece que nos está dando bo resultado esta mixtura.



Tamén nos atopamos cunhas táboas podres na popa e procedemos a sustituílas.


Temos tamén que cambiar uns barraganetes, a sorraina, parte do cintón, parte do trancanil e unha parte importante do caurel.



Son cousas que se lle van atopando todos os anos, debido á falla de mantemento. Se o barco estivera sempre ben baldeado, non tería estes problemas, pero é difícil estando fondeado.

A ver se somos quenes de arranxalo todo, senón logo teremos que facelo a flote, pois o tempo de varada vai rematando.

Esta semán seguiremos traballando nela, sobre todo na obra viva, para deixala lista e proceder a darlle a imprimación e a patente.



domingo, 29 de marzo de 2015

Arranchando o caseto e saneando a obra morta.

Este venres e sábado varios socios estivemos traballando no barco insignia da flota patexeira, a Balbina.

Xa a mediados de semán Pepe, o carpinteiro, instalóunos o caseto na cuberta do barco.


O venres acheguéime a darlle unha man de Xylazel roble + alquitrán vexetal + aceite de linaza polo interior do caseto.


Pero a gran afluencia de patexeiros a traballar foi onte sábado onde Lucas, Pablo, Moncho, Dolores, Jaime, Miguel Marta (que pasou a saudarnos e xa lle endiñamos a rebarbadora para cortar uns tornillos) e máis eu, estivemos facendo diversos traballos no barco.


Eu encarguéime primeiro de darlle ó caseto unha man da mixtura da que falamos anteriormente. Con esta mixtura pretendemos que o alquitrán vexetal e o aceite de linaza penetren na madeira e a enriquezan coas suas propiedades e co Xylazel pretendemos protexer todo o conxunto dos raios UV.


Como había bastante xente para traballar, Lucas púxose a rascar a súa dorna, a Lala, xa que ainda non lle fixera ese mantemento dende que a mercou.

A Pablo, que según temos entendido é moi ligón, pois para facerlle honra á súa fama adxudicámoslle as distintas lixadoras e estivo todo o día ocupándose do cuartel da bodega de popa, da obra viva, e tamen da cuberta por dentro. Ligar non ligaría, pero lixar, lixou cousa fina.



Moncho estivo saneando unhas táboas que apodreceran na popa, para empezar logo a meterllas novas.





É incrible, que en tres anos, que foi cando o barco afrontara unha grande  reparación na popa, a madeira esté neste estado. Está claro que a falta de mantemento, porque o barco non dispón de amarre e está todo o ano fondeado, dificultando que poidamos acceder habitualmente a él para baldealo, e tamén que a madeira de agora non é como a de antes, provocan esta situación.


Temos que ir sustituíndo varias pezas no barco, sobre todo as máis próximas á cuberta por atoparse pasmadas ou podres.

Fixádevos neste barraganete que parecía novo por fora, pero como o arrincamos coa man, e como se atopa totalmente podre por dentro.


Moncho estivo frasquiando as novas táboas.


Mentras, Pablo lixaba a parte de abaixo da cuberta e Jaime a impregnaba de alquitrán vexetal mixturado con aceite de linaza.

Eu púxenme a facerlle o barraganete da popa. Como non tiñamos madeira axeitada, utilicei unha peza de madeira procedente da Balbina, de cando a desmontáramos para facerlle a cuberta nova. Quitéille a cravazón e cepilléina, e o carballo estaba como o primeiro día. Reutilizamos unha peza de madeira de finais dos anos 60. 

Rematamos sobre as 19:30 para asistir á inauguración do monumento ás Xentes do Mar que tiña lugar a uns metros de onde estábamos traballando. E a xente do mar merece todo o respecto.


domingo, 22 de marzo de 2015

Varios traballos

Ó longo desta semán levamos ó cabo varios traballos no noso barco insignia.


 Por unha parte estámoslle facendo o caseto do motor. Ó final optóuse por facelo de chapa fenólica, xa que non dábamos feito o de madeira. A ver que resultado nos dá.


Moncho e Eva estiveron tratándoo con Xylamon Fondo.


Palmeirán e Dolores estiveron lixando e dándolle Silver á zona da hélice e ó temón.



Os alumnos do curso de carpintaría, estiveron tamén practicando nela, detectando puntas podres e facéndolle espichos.





Na vindeira semán seguiremos traballando nela.


martes, 27 de enero de 2015

Retomamos os traballos na Balbina

Este pasado sábado día 24, retomamos os traballos na Balbina, que está no varadoiro de Lorbé.


Estivemos limpando ben a cuberta e despexándoa para ir empezando cos traballos.
Pablo demostrou a súa pericia pilotando o brush (bruso en Palmeira), unha vez lle explicamos que era o dichoso aparello ó que facía referencia ese termo.

Ven se vé que non ten pilotado moitos......



Tamén aproveitamos para cubrir ben o motor e que non nos siga chovendo dentro e inundándoa de cada vez.

Un dos traballos máis laboriosos vai a ser a limpeza do interior, que xa había tempo que non a facíamos.

En poucas semáns meterémoslle man ó caseto, a ver se desta vai e queda tapadiña.