Nesta varada aproveitamos para facer unhas cantas reparacións de urxencia.
Limpamos e pintamos toda a cuberta. Fíxose o caseto do motor. Tamén rematamos as brazolas que faltaban.
Dóuselle unha man de pintura ó pañol de proa.
Repasamos a obra viva, lixándoa, metendo espichos, recravando onde se necesitaba e dándolle Silver e patente.
Na obra morta botámoslle unhas cantas táboas na popa, un tramo do cintón.
E o máis novedoso é o cambio de cor. Abandoamos as cores clásicas da Balbina para pintala do noso corporativo beige Patexeiros, co cintón en marrón.
Tivemos que abandoar o carro sen rematar de todo os traballos porque tiñan que entrar varios barcos ó estaleiro.
Como vedes nas fotos fáltanos por instalarlle a cheminea, os portillos do caseto, arranxar a sorraina e parte do caurel e pintar o folio dun costado e o nome.
A manobra foi perfecta.
Queremos agradecer a colaboración do Estaleiro-Carpintaría Lorbé por axudarnos e asesorarnos con varias cuestións, por facilitarnos a estancia durante tantos meses.
Tamén nesta ocasión agradecemos a colaboración de Pinturas Proa e de Xylazel. Dúas empresas galegas comprometidas coa preservación do patrimonio marítimo.
Seguiremos facendo as reparacións restantes a flote.