domingo, 17 de marzo de 2013

Todas as pezas listas para ensamblar

O sábado, como sempre, xa vai sendo o mesmo todos os días que me achego a Lorbé, non parou de chover en todo o día.

Fun unhas horiñas pola mañán para rematar de preparar todas as pezas para o último cuartel, o do sollado de proa.

Cando cheguei, xa andaba por alí Miguel Marta, que como vía que eu tardaba xa se dispoñía a irse porque tiña compromisos, así que de novo me quedei só.

Preparei as dúas últimas táboas que faltaban, dándolle a curvatura da cuberta e tamén o traveso de reforzo que irá no medio.

Agora, a ver cando podo ir a ensamblala porque me veñen ahí un par de semáns de moita ocupación.

Palmeirán.

sábado, 16 de marzo de 2013

Empezando o último cuartel

Este venres pola tarde, aproveitando o bo tempo (por fin vimos os raios do sol), acheguéime a Lorbé.

O primeiro foi achicar a Balbina que tiña xa bastante auga.

De seguido me puxen a tomar as medidas para a madeira que necesitamos para facer as brazolas que faltan, que son a do sollado de proa e a do motor.

Tamén xa tomei medidas para empezar co último cuartel, e en canto a bomba acabou de achicar, xa me fun ó taller empezar a preparar toda a madeira.

Cortei todas as táboas da cubrición xa á medida necesaria.


Tamén xa preparei as táboas que conformarán o bastidor do cuartel, dándolle a curvatura necesaria para adaptarse á inclinación da cuberta a unha delas.


A ver se o sábado podo deixala montada.

Palmeirán

sábado, 9 de marzo de 2013

Sellando e pintando

Outro día máis de choiva en Lorbé. Alí estivemos dende as 11, e non parou de chover en toda a mañán, polo que outro día que non podemos ir traballar no barco.

Era día post asamblea, polo que nada máis chegar me puxen a desmontar a mesa e gardar as sillas que utilizamos na Asamblea.

Deseguido chegou o compañeiro Miguel Marta e se puxo a sellar os tres cuarteis que xa temos feitos, e eu me puxen a pintar o último que fixen e tamén darlle unha segunda man por dentro ós demáis.

E pouco máis poidemos facer, xa que non podemos ir ó barco a tomar medidas para empezar a facer as brazolas que faltan. A choiva lévanos boicoteando todo o inverno.




martes, 5 de marzo de 2013

Rematado o cuartel

Pois hoxe xa rematei o cuartel do pañol de proa.

Como xa víramos na entrada anterior, por cuestións de dispoñibilidade combinei a madeira de xatoba para o bastidor, coa de piñeiro para a cubrición.


Para darlle o mesmo toque de contraste ca o pañol da bodega de popa, tamén lle puxen os tapíns en madeira oscura, para eso aproveitei unha peza que había polo taller, que penso que é madeira de elondo, pola dureza e a cor.

Dinlle dúas máns de tratamento xylófago e queda pendente de aplicarlle o Xylazel roble.


Agora toca ir de novo á cuberta facer as brazolas da bodega de proa para poder empezar o cuartel desa bodega e rematar de cubrir todo o barco, a falta da caseta do motor.

Palmeirán.

jueves, 28 de febrero de 2013

Bastidor para o cuartel de proa

Hoxe xa deixei rematado o bastidor para empezar a poñer as táboas do cuartel do pañol de proa.


Non me chegan, pola medida,  as táboas de xatoba, para facelo completo, así que vou facer o bastidor de xatoba e poñer as táboas da cubrición de piñeiro. Éche o que hai. Este ano a economía está mal para todos e hai que botar man do que hai polo taller.


Non puden quedarme a rematar, así que espero facelo o seguinte día que vaia por Lorbé.

Palmeirán.

miércoles, 27 de febrero de 2013

Brazolas do pañol de proa

Hoxe, con moito frío en Lorbé, o termómetro marcaba 5º, coloquei as brazolas do pañol de proa.

Falta sellalas e tapar os tornillos con tapóns de madeira.

Tamén collín as medidas e teño preparadas as primeiras táboas para empezar a facer ese cuartel.

Palmeirán


sábado, 23 de febrero de 2013

Rematando a cuberta

Esta mañán de sábado xuntámos en Lorbé, Miguel Marta e mais eu para traballar algo na Balbina e intentar rematar de botar as táboas da cuberta.

Estivemos primeiro no local preparando as táboas para poñer na cuberta.

Unha vez na Balbina tardamos bastante en asentalas, porque o primeiro bao da proa ten uns pequenos defectos e houbo que traballar as táboas para asentalas ben.

Ainda así despóis de varios cortes, cepilladas e lixadas conseguimos que quedasen bastante ben.

Démoslle tratamento xilófago e empezamos a presentar as brazolas do pañol de proa.

Hoxe recibimos a visita de varios patexeiros que pasaron a darnos ánimos. Primeiro chegou Martiño que chegou ás súas horas habituais (nunca antes das 12:30), jejeje. E logo chegou a familia numerosa de Ana, Miguel e os seus pequenos, que por moito que lles insistin non quixeron subir ó barco. ¡¡¡A ver se nos van a sair de secano!!!!

Sobre as 2 e cuarto empezamos a recoller, pois xa non daba tempo a máis. As brazolas quedaron medidas e pendentes de corte e colocación.

A ver se o seguinte día, se non chove, quedan colocadas e xa podemos empezar co cuartel do pañol de proa.

Palmeirán