Este sábado alá me fun de novo traballar na Balbina. Queda moito por facer e hai que ser constante, xa que só dispoñemos dos fins de semán para traballar nela.
Chegei a Lorbé sobre as 9 e vinte da mañán. O día estaba fresco. O venres deixáramos o barco totalmente aberto para que fora secando e coa xiada que caeu estaba se cadra máis mollado.
Non me podía poñer a lixar a cuberta nese estado xa que a lixadora quedaría freada pola madeira mollada, así que collín a míña máquina preferida, a rebarbadora pequena e cun disco multilixa me puxen a quitarlle as múltiples capas de pintura que tiña a sorraina, os barraganetes e o trancanil.
Estiven dándolle caña ata lixar as dúas bandas ata máis da metade do barco. Cando acabei tiña máis restos de pintura eu na miña cara e roupa que os que tiña o barco, pero o traballo quedara feito.
O sol non daba atravesado as nubes e non axudaba a secar a cuberta, así que me puxen a desmontar as cornamusas para lixalas e tamén por detrás delas xa que alí non entraba a rebarbadora nen sequera o rascador de mán. Collín a chave inglesa e desmontéinas. Logo as lixei na mesma cuberta, quedando casi como o primeiro día.
Levéinas para o local para pintalas pola tarde cunha mixtura de lasur cor teka e alcatrán.
Xa me estou volvendo un talibán do alcatrán. ¿terei que facerme socio dos amigos do Lajareu?
A cuberta ainda non estaba seca de todo pero empecei a darlle coa lixa do 60 de novo a toda a zona lixada a tarde anterior para intentar retocar todos os fallos que quedaron.
Barrín e aspirei a cuberta varias veces para eliminar todo o serrín húmido que quedaba e que embozaba a lixa impedindo avanzar á lixadora.
Nesto chegou por alí un señor moi agradable, como a maioría da xente que se congrega nos arredores do estaleiro, que a pesares de ter dúas muletas subeu pola escaleira ata achegarse pola cuberta e me estivo explicando para que eran certas cousas que tiña o barco, xa que él navegara en lanchas patexeiras.
Contóume por qué eses tres barraganetes do costado de estribor que sobresaían por encima do courel (na foto ó caron da escala) . Expricóume que era para pasar os cabos da boia que iba ó bou que utilizaban para pescar. Tamén me dixo que esa especie de cornamusa que hai no courel era para soster unha vergha, a modo da vara de portar.
Me contou que había moitas lanchas patexeiras, que varaban na praia e que viñan os carros de vacas a cargar o patexo, e moitas cousas máis.
Da gusto oir as conversas e as experiencias destes mariñeiros. Aprendemos moito deles.
Tras unha conversa dunha media hora, (porque eu queria adiantar traballo, se é polo meu contertulio seguimos falando ata a noite) púxenme de novo a traballar.
Botei varias puntas que quedaran sen botar e tapei con masilla todas as puntas da metade do barco cara a popa.
Logo paséille unha lixa máis fina para que non quedase tanto pelo e quitar os restos de masilla.
Sobre as catro da tarde chegaron os alumnos do curso de carpintaría. Baixei un momento a quitarlle unhas fotos ós avances que fixeran na última xornada e volvín ó traballo na Balbina.
Despóis de barrer e aspirar de novo empecei simultáneamente co pintado con minio de trancanil, barraganetes e sorraina, e as táboas da cuberta con lasur cor roble mixturado con alcatrán vexetal.
E sobre as seis da tarde, este era xa o aspecto que lucía a cuberta da Balbina.
Comentar que este primeiro pintado da cuberta é a efecto protector da intemperie, xa que ainda está pendente de calafatear, pero facelo agora no inverno non pode ser, así que ímoslle a dar unhas máns protectoras co lasur e o alcatrán e cando esté rematada e calafateada se lle darán as finais.
Satisfeito de como iba o traballo, sobre as seis e cuarto, baixei para levarlles a merenda ós asistentes ó cursiño. Si, xa vedes, a merenda ¡¡¡ se os tratamos como reises !!! Por suposto, un tamén merecía meter uns bocados ás palmeritas e beber unha cervexas, así que aproveitei para quitarlles unhas fotos ó traballo da tarde e cambiar impresións cos asistentes e mestres.
De novo ó traballo, seguín co alcatrán e co minio.
Xa estaba entrando a noite, así que me apurei a rematar ata o punto no que tiña previsto, chegar a dónde empeza o compartimento do motor.
Moncho, un dos asistentes ó cursiño, aproveitando a súa escapadiña para botar un pitillo, subeu a botarme unha man co alcatrán e logo continuou dándolle á buceta do cursiño.
Sobre as oito da tarde, empecei a recoller todo o material e levalo ó galpón.
Como a xornada do curso tamén estaba rematando, estivemos falando sobre o feito nesa tarde e Pepe, o mestre, aproveitou para ensinarme a súa colección de ferros e mazos de calafatear.
Xa sobre as nove menos dez, ainda me quedaban algo de forzas e ánimo, así que me fun para o local Patexeiro a pintar as cornamusas de popa que quitara pola mañán, e así quedaban a secar, tal e como vedes na foto, cando me fun xa perto das nove e media, despóis de casi 12 horas a bordo desa moza chamada Balbina.
Disfrutei traballando, dun día estupendo, de falar con boa xente, e ademáis conseguin rematar a parte que me tiña proposto para este día. Iso sí, cando cheguei á casa e me tirei no sofá, estaba baldado.
Outro día, máis cousas da Balbina.
Palmeirán
No hay comentarios:
Publicar un comentario