martes, 6 de marzo de 2012

Reparación na amura de estribor

Hoxe empezou o carpinteiro a facer a reparación na amura de estribor xa que tiñamos tres táboas mortas e xa que está no carro, pois aproveitamos para cambiarllas agora.

Tamén temos que cambiar outras dúas da amura de babor, e xa que se vai a traballar nese lado, sustituirase un tramo da sorraina, parte do trancanil na proa babor, e dous ou tres barraganetes que antes de que acaben peor vanse a cambiar.

Palmeirán



domingo, 4 de marzo de 2012

Xa chegamos á parte de proa

Este sábado de novo nos achegamos á Balbina para continuar traballando na cuberta.

Pola mañán, Fran V. e máis eu estivemos lixando a cuberta pola metade do barco, xusto ós lados do motor.

Empezamos tarde, xa casi eran as doce, pero empezamos con ánimo, ainda así a cuberta estaba moi mollada e as lixadoras non daban feito, xa que se embozaban enseguida.

A min, que son un incondicional da radial, ocurréuseme utilizala para quitarlle o máis gordo, e que logo Fran lle dese coa de banda. E así o fixemos.

Deixando caer suavemente a rebarbadora pequena sobre a cuberta adiantaba moito traballo e non se embozaba tanto. Cando o facía recurríamos ó cepillo de arame para limpar as lixas.

Sobre a unha e media, Fran tivo que irse e alí me quedei eu un pouco tempo só ata que chegou Rober, que viña de traballar no seu barco que está agora fondeado na boia que usaba a Balbina.

Empezaba a sair o soliño, así que sentámonos nas pedras e alí, cunhas estupendas vistas do porto de Lorbé xantamos uns bocatas e un pouco de fiambre. Como din en Palmeira "tomamos o lonche".

Sobre as tres puxémonos de novo a currar e empezamos limpando debaixo do carro da Balbina, que ainda tiñamos tirado o mexilón que lle quitamos ó casco cando se limpou ca hidro. Catro sacos de basura dos grandes, cheos de mexilón tiramos. E que as patentes de agora xa non son como as de antes.

A pena é que ninguén a necesitase para abonar unha leira.

Seguimos lixando a cuberta ata que sobre as seis da tarde unéusenos Miguel, un novo socio patexeiro, que xa veu botar unha man no seu segundo día como socio. ¡¡¡estas si que son ansias!!!

Estivo tapando as puntas con masilla mentres Rober e eu acabábamos de lixar. Logo aspiramos, seguimos tapando as puntas e botando algunhas que quedaran sen botar, volvémoslle a pasar unha lixa fina para eliminar o sobrante da masilla e rematar mellor as táboas.

Xa sobre as sete da tarde empezamos co pintado co mexunxe de sempre.

Como ameazaba choiva para o domingo, antes de irme decidín tapar a zona cunha lona para que non empapase moito pero deixandoa aberta para que correra o aire e secara.

Volvemos para o seguinte fin de semán.


Palmeirán

lunes, 27 de febrero de 2012

Doce horas na Balbina

Este sábado alá me fun de novo traballar na Balbina. Queda moito por facer e hai que ser constante, xa que só dispoñemos dos fins de semán para traballar nela.

Chegei a Lorbé sobre as 9 e vinte da mañán. O día estaba fresco. O venres deixáramos o barco totalmente aberto para que fora secando e coa xiada que caeu estaba se cadra máis mollado.

Non me podía poñer a lixar a cuberta nese estado xa que a lixadora quedaría freada pola madeira mollada, así que collín a míña máquina preferida, a rebarbadora pequena e cun disco multilixa me puxen a quitarlle as múltiples capas de pintura que tiña a sorraina, os barraganetes e o trancanil.

Estiven dándolle caña ata lixar as dúas bandas ata máis da metade do barco. Cando acabei tiña máis restos de pintura eu na miña cara e roupa que os que tiña o barco, pero o traballo quedara feito.

O sol non daba atravesado as nubes e non axudaba a secar a cuberta, así que me puxen a desmontar as cornamusas para lixalas e tamén por detrás delas xa que alí non entraba a rebarbadora nen sequera o rascador de mán. Collín a chave inglesa e desmontéinas. Logo as lixei na mesma cuberta, quedando casi como o primeiro día.

Levéinas para o local para pintalas pola tarde cunha mixtura de lasur cor teka e alcatrán.

Xa me estou volvendo un talibán do alcatrán. ¿terei que facerme socio dos amigos do Lajareu?

A cuberta ainda non estaba seca de todo pero empecei a darlle coa lixa do 60 de novo a toda a zona lixada a tarde anterior para intentar retocar todos os fallos que quedaron.

Barrín e aspirei a cuberta varias veces para eliminar todo o serrín húmido que quedaba e que embozaba a lixa impedindo avanzar á lixadora.

Nesto chegou por alí un señor moi agradable, como a maioría da xente que se congrega nos arredores do estaleiro, que a pesares de ter dúas muletas subeu pola escaleira ata achegarse pola cuberta e me estivo explicando para que eran certas cousas que tiña o barco, xa que él navegara en lanchas patexeiras.

Contóume por qué eses tres barraganetes do costado de estribor que sobresaían por encima do courel (na foto ó caron da escala) . Expricóume que era para pasar os cabos da boia que  iba  ó bou que utilizaban para pescar. Tamén me dixo que esa especie de cornamusa que hai no courel era para soster unha vergha, a modo da vara de portar.
Me contou que había moitas lanchas patexeiras, que varaban na praia e que viñan os carros de vacas a cargar o patexo, e moitas cousas máis.


Da gusto oir as conversas e as experiencias destes mariñeiros. Aprendemos moito deles.

Tras unha conversa dunha media hora, (porque eu queria adiantar traballo, se é polo meu contertulio seguimos falando ata a noite) púxenme de novo a traballar.

Botei varias puntas que quedaran sen botar e tapei con masilla todas as puntas da metade do barco cara a popa.

Logo paséille unha lixa máis fina para que non quedase tanto pelo e quitar os restos de masilla.

Sobre as catro da tarde chegaron os alumnos do curso de carpintaría. Baixei un momento a quitarlle unhas fotos ós avances que fixeran na última xornada e volvín ó traballo na Balbina.

 Despóis de barrer e aspirar de novo empecei simultáneamente co pintado con minio de trancanil, barraganetes e sorraina, e as táboas da cuberta con lasur cor roble mixturado con alcatrán vexetal.

E sobre as seis da tarde, este era xa o aspecto que lucía a cuberta da Balbina.


 Comentar que este primeiro pintado da cuberta é a efecto protector da intemperie, xa que ainda está pendente de calafatear, pero facelo agora no inverno non pode ser, así que ímoslle a dar unhas máns protectoras co lasur e o alcatrán e cando esté rematada e calafateada se lle darán as finais.

Satisfeito de como iba o traballo, sobre as seis e cuarto, baixei para levarlles a merenda ós asistentes ó cursiño. Si, xa vedes, a merenda ¡¡¡ se os tratamos como reises !!! Por suposto, un tamén merecía meter uns bocados ás palmeritas e beber unha cervexas, así que aproveitei para quitarlles unhas fotos ó traballo da tarde e cambiar impresións cos asistentes e mestres.


 De novo ó traballo, seguín co alcatrán e co minio.

 Xa estaba entrando a noite, así que me apurei a rematar ata o punto no que tiña previsto, chegar a dónde empeza o compartimento do motor.

Moncho, un dos asistentes ó cursiño, aproveitando a súa escapadiña para botar un pitillo,  subeu a botarme unha man co alcatrán e logo continuou dándolle á buceta do cursiño.


Sobre as oito da tarde, empecei a recoller todo o material e levalo ó galpón.

Como a xornada do curso tamén estaba rematando, estivemos falando sobre o feito nesa tarde e Pepe, o mestre, aproveitou para ensinarme a súa colección de ferros e mazos de calafatear.

Xa sobre as nove menos dez, ainda me quedaban algo de forzas e ánimo, así que me fun para o local Patexeiro a pintar as cornamusas de popa que quitara pola mañán, e así quedaban a secar, tal e como vedes na foto,  cando me fun xa perto das nove e media, despóis de casi 12 horas a bordo desa moza chamada Balbina.

Disfrutei traballando,  dun día estupendo, de falar con boa xente, e ademáis conseguin rematar a parte que me tiña proposto para este día. Iso sí, cando cheguei á casa e me tirei no sofá, estaba baldado.

Outro día, máis cousas da Balbina.

Palmeirán

domingo, 26 de febrero de 2012

Unha tarde de venres

Este venres dende as catro e media da tarde estivemos traballando sobre a cuberta da Balbina.

Roberto e eu ca lixadora de banda e Carlos coa delta metémoslle mán á cuberta, que dende que a botáramos choveu por ela e estaba un pouco oscurecida, Francisco ca mini rebarbadora lixando o trancanil e barraganetes de babor, e sobre as 6 da tarde unéusenos Pepe ó que lle pasei a relevo da lixadora e eu metinlle man a outra rebarbadora para continuar co trancanil de estribor.


Arriamos sobre as oito xa que ainda que hai luz dos focos do porto, xa non se via ben para traballar nalgúns sitios.

Deixamos a parte de popa da cuberta casi lixada, faltaban un par de metros, e parte do trancanil e barraganetes de popa..

Os que quedamos ata o final, logo fomos tomar unha cervexiña ó bar, como xa é costume despois de traballar, e cambiar impresións sobre o traballo .


Palmeirán

viernes, 24 de febrero de 2012

Este fin de semán estaremos traballando na Balbina

Este venres pola tarde e o sábado todo o día, estaremos facendo traballos na Balbina.

Empezaremos lixando a cuberta e rascando e lixando o trancanil.

Convócase ós Patexeiros que estén libres para que veñan botar unha man.

Acudide.



sábado, 18 de febrero de 2012

Traballos de limpeza

Este venres pola tarde, Pepe e máis eu estivemos limpando toda a cuberta da Balbina que estaba chea de restos de mexilón que as nosas amigas as gaivotas deixan alí despóis dos seus festíns.

Retirámoslle as lonas, quitamos todos os restos de madeira que había de botar a cuberta e limpámola coa hidro para retirar o verdín acumuado e restos difíciles de quitar á man.

Xa entrada a noite deixámola lista, limpa e despexada, para empezar a traballar nela.

O seguinte traballo será lixar a cuberta.

Outro día máis.

Palmeirán

martes, 14 de febrero de 2012

Balbina varada en Lorbé

Este venres, nunha operación coordinada polo compañeiro Roberto, varouse de novo a Balbina en Lorbé a carón do estaleiro de Pepe.


Queda moito traballo por diante pero se pensamos en como estaba hai un ano vese claramente que hai avance.

O sábado tamén Roberto estivo sacándolle os mexillóns a conciencia cunha hidrolimpadora. Agora toca organizar comandos de reparación.


Saudos patexeiros.