domingo, 25 de marzo de 2012

Pintura e limpeza

Pola semán, o compañeiro Roberto doulle minio á amura de babor que estaba co alcatrán.

Recordade que lle botamos nova esa amura fai unhas semáns e tamén se repararon unhas táboas no lado contrario, donde vedes pintado de azul marino.

Cando cheguei este sábado pola mañán, o barco tiña este aspecto

Collín a pintura típica da Balbina, denominada polo fabricante como "azul piscinas", e me puxen a darlle unha man de pintura a todo o casco, e sobre as 11 da mañán xa presentaba esta outra cara.


Estiven un momento falando con Pepe o carpinteiro, que estaba calafateando un bote. Na foto podedes apreciar todas as ferramentas dun bo calafate: os ferros, a estopa, o mazo e a caixa de levar as ferramentas, que sirve tamén como banco á hora de traballar nunha cuberta.


Pepe non é o típico carpinteiro que non che rebela para nada os segredos dos seu traballo, ó contrario, este home explícache como se fai calqueira procedemento con tal de que llo preguntes. Énos de moita axuda telo sempre cerca.

Continuei pintando e sobre a 1 a Balbina xa lucía desta maneira.


Non pintei toda a sorraina para non borrar as letras tan bonitas co nome do barco, que nos fixera Ana, ainda que lle teremos que pedir que nos veña pintar o folio, porque ese si foi inevitable borralo polas reparacións feitas.


Pasada a 1 da tarde chegou Martiño, disposto a facer limpeza no camarín da máquina. Púxose o buzo e alá se meteu dentro.

Eu, unha vez rematei de pintar todo o barco coa pintura azul, subín á cuberta darlle unha segunda mán de pintura ós barraganetes, trancanil e sorraina de popa, para poder colocar as cornamusas que xa estivera preparando no galpón.











Fixemos unha paradiña para meterlle ó corpo un dos famosos bocatas de calamares do restaurante de Lorbé. Recoméndovos tomar un cando vaiades por alí a visitarnos. Literalmente, collen unha ración de calamares e cha meten dentro dun cacho de rosca de pan. Impresionantes os bocatas. Iso si, levade un dos billetes máis pequenos que temos no sistema euro, pero vale a pena.

Pola tarde unéusenos ó traballo o último socio en enrolarse nas filas patexeiras, Miguel Marta, que se puxo a darlle a segunda mán de pintura ó  trancanil, sorraina e barraganetes de proa. E fixo un moi bo traballo.

Martiño seguía limpando o camarín e unha vez quitou o máis gordo, casi un capacho cheo de conchas, virutas, chapapote, etc...,   logo púxose a limpar coa hidrolimpadora e unha solución desengrasante, ó tempo que se quitaba a auga coa bomba de achique.

Agora a ver se seca ben para poder pintar e dixarlle curioso o sitio para que traballe o mecánico.

Logo nos puxemos él e máis eu a limpar unha das bodegas que faltaban por limpar, pero cerca das 7 e media da tarde empezaron a caer unhas pingas de auga, polo que decidimos tapar o barco e rematar cos traballos.

Tamén gracias á colaboración de Jorge, un dos alumnos do curso de carpintaría, deixamos cortadas varias pezas de eucalipto para facer as brazolas. A nosa intención era facelas de iroko, pero visto o caro que está a madeira e os poucos fondos patexeiros, decidimos aproveitar unhas pezas de eucalipto que mercáramos cando reforzáramos algúns baos da cuberta.

Para a semán máis, e rápido porque o barco vai ter que ir para o mar en pouco tempo. Pepe ten que dispoñer do carro para subir os barcos que chegan a partires destas datas.


Palmeirán

No hay comentarios:

Publicar un comentario