O sábado da semán anterior, Martiño estivo limpando ben o casco para empezar a pintar, rascando moi ben a obra viva, e atopando algunha sorpresa na obra morta.
Martes pola tarde estiven achicando o barco que tiña un pouquiño de auga, e vendo o panorama que atopamos no trancanil de estribor que tiña a parte exterior totalmente podre.
O xoves pola tarde acheguéime ata alí a pintar un pouquiño. Dinlle unha man do seu azul característico polo costado de babor e un cachiño da amura de estribor.
O venres volvín a Lorbé e seguín pintando. Tamén se achegaron Carlos Quintas, que fixo un bo traballo limpando e aspirando a bodega e pañol de popa, Francisco, que estivo pouco tempo pero botóunos unha man rascando a hélice e cortando unhas argollas enferruxadas que tiñamos nos costados, e Moncho que se puxo tamén a pintar.
O sábado pola mañán estivemos outro comando patexeiro.
Jaime, estivo pintando o courel e o cintón de vermello.
Miguel Marta e máis eu estivemos preparando unha peza para meter nunha parte do trancanil que atopamos con podrén, e que xa non nos dá tempo a cambiar desta varada, así que optamos por saneala un pouco e botarlle un remendo para que non dé moito o cante.
Tivemos unha xornada moi desapacible e tiñamos que fuxir a cuberto cando caían fortes chuvascos e pedrizo, tendo que tapar o barco de cada vez que nos collía na faena. O vento ademáis pegaba bastante forte e dificultábanos ainda máis o traballo.
Eu xa me quedei alí para a tarde que chegou Moncho de novo para botar unha man e estivemos calafateando un pouco a cuberta nas táboas lindantes co trancanil e as brazolas, e dándolle unha man de Xylazel Roble á última parte da cuberta que botamos.
Xa deixamos postos un par de cuarteis.
E deixamos o barco tapadiño, esperando que esta semán podamos facer algo e rematar o traballo para que vaia casi cuberta para o mar, a falta do caseto.
Palmeirán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario