Onte venres pola tarde, co mar como un prato, saímos da rampa de Lorbé, sobre as seis e media da tarde, no chinchorro, rumbo á Balbina.
A travesía duns 15 minutos faise agradable. A Balbina está fondeada lonxe do muelle e é un pequeno inconvinte á hora de ir traballar a bordo.
Fran e máis eu subimos a bordo e collemos un par de ferros de calafatear cada un e alá nos puxemos á faena.
Primeiro desfacemos o cordón de cáñamo estopado que temos. Está composto de 6 fios e é moi gordo para a cuberta da Balbina, co que temos que desfacelo en pequenos cordóns de 2 ou de 3 fíos según necesitemos.
Logo limpamos as ranuras ben usando unha espátula. Teñen bastantes cunchas de mexilón, obsequio das nosas amigas as galiñas do mar.
Collemos o ferro de abrir e imos abrindo un pouco as xuntas para que o cordón entre mellor.
Unha vez abertas, imos metendo o cordón usando o ferro de retacar.
Calafateamos unha boa sección da popa.
Tamén aproveitamos para achicar o barco a base de capazos, que tiña moita auga. É o problema de tela aberta e sen calafatear. Cousa que teremos que solucionar canto antes.
Por último e xa cando o sol xa se retirara facía varios minutos, valdeamos e fregamos a cuberta, a sorraina, barraganetes e caurel.
Voltamos xa de noite para a rampa. O mar seguía como un prato, non se oía un ruido e daba gusto remar. Un agradable paseo de volta.
Volveremos nuns días.
Palmeirán
No hay comentarios:
Publicar un comentario