viernes, 9 de noviembre de 2012

Facendo o cuartel do pañol de popa (I)

Hoxe venres acheguéime ó noso taller de Lorbé para empezar a facerlle a tapa do pañol de popa da Balbina.

Uns días antes xa preparei a madeira para facerlle o bastidor onde logo irán atornilladas as pezas da cubrición. Tiña pola casa uns sobrantes de madeira de elondo e penso que quedará bonito o contraste co piñeiro da cuberta.

A madeira é machiembrada, co que para facer o bastidor primeiro tiven que quitarlle o macho e a femia a base de cepillo.

Como a cuberta ten unha pequena curvatura, usei un peine de formas  para coller a inclinación da cuberta da Balbina, logo a proxectei sobre a peza e con un barrote de madeira funlle dando a forma precisa para poder marcala sobre a peza frontal e traseira do bastidor, que son as que levan a curvatura da cuberta.
 
O bastidor podíao atornillar simplemente ou cravalo, pero xa que asistin ós cursos de carpintaría de ribeira que organizamos Os Patexeiros, puxen en práctica algunhas unións que aprendín.

Como vedes unín as pezas a cola de milano. É unha unión bastante sinxela de facer, ainda que hai que ter ben claras as cousas porque senón podes ter que descartar algunha das pezas, como me pasou nesta ocasión que cortei unha que tiña que facer de macho, pensando que era femia. Bueno, todo o malo sexa ese. Fixen outra e morreu o conto.

Para reforzar o bastidor metinlle uns ángulos feitos coa mesma madeira e atornillados ás pezas de unión.

Acabáronseme os tornillos e tiven que deixar sen rematar dous dos ángulos.

Púxenme a cortar as táboas á medida para o seguinte día lixalas e atornillalas ó bastidor.

Espero que quede ben. Ten boa pinta.

Palmeirán

No hay comentarios:

Publicar un comentario