Este fin de semán Os Patexeiros fixemos un gran desplegue de medios humáns e técnicos para ir dando os últimos coletazos á Balbina, que o vindeiro día 26 ten que sair do carro.
O venres, Carlos, Pepe e máis eu, o Palmeirán fixemos unha avanzadiña preparando o terreo para o que sería o gran desembarco do día seguinte.
Fun o primeiro en chegar e púxenme a darlle alquitrán á madeira descuberta da parte da sentina pero en seguida tiven que parar porque o alquitrán estaba moi espeso, non estaba quente, nen tiñamos augarrás para rebaixalo, e na ferretería tampouco.
Carlos púxose a darlle fondo ás táboas da cuberta.
Cando chegou Pepe coa madeira, empezamos a facer o mamparo de proa. Xa cerca da última hora achegouse Agustín. Deixamos o mamparo empezado, e recollémonos coa esperanza de darlle caña ó día seguinte.
O sábado, cando eu cheguei, como sempre xa estaba Fran Vázquez alí, serrando un medio bao. E pouco despóis foron chegando os demáis. Sendo o día coa asistencia máis numerosa para traballar na Balbina dende que está no carro. Nada máis e nada menos que nove Patexeiros, contanado a Ana que nos trouxo a loxística, conformaron o Comando Balbina deste sábado.
O traballo foise repartindo máis ou menos por parellas.
Jaime empezou dándolle fondo ó resto das táboas que conformarán a cuberta, e logo, xunto con Xose Lagares empezaron a darlle unha man de pintura Azul Balbina do noso esponsor pinturas Proa.
Fran Váquez rematou e colocou un medio bao e foi dándolle forma á nova baldera de eucalipto (tamén chamado arcolito por algúns nativos) .
Pepe e Miguel remataron o mamparo de proa que se empezara onte, mentres que Agustín e máis eu facíamos o mamparo de popa.
Martiño, que veu, como sempre rexido polo seu propio huso horario, adicóuse a sacarlle ferruxe ó volante de inercia do motor.
En canto acabamos os mamparos, Jaime raudo botóuse a eles armado cunha brocha para darlles unha man de fondo, do que non diremos o nome do fabricante porque non nos esponsoriza.
Ó mediodia, Ana, que tomou as rendas da loxística nos trouxo ferramenta e unha soberbia comilona a base de tortilla, e empanadas feitas por ela á que tamén aportaron algúns manxares Agustín e Pepe. Os demáis puxemos a boca, o estómago, e as ganiñas de comer.
Fran tivo que marchar, deixando encargado de rematar a baldera a Miguel, que se convirteu nun mestre do manexo da trencha facendo unhas medias colas de milano perfectas.
Pola tarde, parecía que todos lle tiñamos un pouco de respeto a empezar a botar a cuberta e andivemos algo desperdigados. Pepe e Agustín empezaron o mamparo do motor cara a proa, eu púxenme a darlle alquitrán á madeira de debaixo do plan da proa, Lagares e Jaime seguían pintando, e Martiño desenferruxa que te desenferruxa. Ata que xa sobre as sete da tarde, tras varias presións pola miña parte (son un pesado, xa o sei, pero había que empezala), Pepe me dí, "veña, imos a pola cuberta". E alá nos puxemos os dous (él de mestre e eu de pinche) a sacar a primeira peza da banda de babor, e tras varias dúbidas e cun pouco de medo xa que dispoñíamos só de unha táboa do ancho necesario, Pepe se decideu a cortar, e en canto a presentamos contra o trancanil, ¡¡¡¡ eureka !!!! ¡¡¡ estaba perfecta!!!!.
E tras a alegría do traballo ben feito, empezamos a recoller todo o desplegue de medios (dúas ingletadoras, dúas caladoras, tres taladros, un cepillo eléctrico, un aspirador industrial, trenchas, martelos, escofinas, cepillos, etc....) Ser, non o seremos, pero profesionais parecémolo.
Mañán domingo iremos de novo darlle outro ataque ainda que seremos algún menos.
by Palmeirán
Que rabia non poder estar os dous dias traballando. Dadesme unha envexa!.
ResponderEliminarA baldera quedou perfecta e a primeira táboa de babor tamén. Eu hoxe non tiven valor para cortar a primeira de estribor, a ver se mañá vai.
Saudos patexeiros.