viernes, 9 de noviembre de 2012

Facendo o cuartel do pañol de popa (I)

Hoxe venres acheguéime ó noso taller de Lorbé para empezar a facerlle a tapa do pañol de popa da Balbina.

Uns días antes xa preparei a madeira para facerlle o bastidor onde logo irán atornilladas as pezas da cubrición. Tiña pola casa uns sobrantes de madeira de elondo e penso que quedará bonito o contraste co piñeiro da cuberta.

A madeira é machiembrada, co que para facer o bastidor primeiro tiven que quitarlle o macho e a femia a base de cepillo.

Como a cuberta ten unha pequena curvatura, usei un peine de formas  para coller a inclinación da cuberta da Balbina, logo a proxectei sobre a peza e con un barrote de madeira funlle dando a forma precisa para poder marcala sobre a peza frontal e traseira do bastidor, que son as que levan a curvatura da cuberta.
 
O bastidor podíao atornillar simplemente ou cravalo, pero xa que asistin ós cursos de carpintaría de ribeira que organizamos Os Patexeiros, puxen en práctica algunhas unións que aprendín.

Como vedes unín as pezas a cola de milano. É unha unión bastante sinxela de facer, ainda que hai que ter ben claras as cousas porque senón podes ter que descartar algunha das pezas, como me pasou nesta ocasión que cortei unha que tiña que facer de macho, pensando que era femia. Bueno, todo o malo sexa ese. Fixen outra e morreu o conto.

Para reforzar o bastidor metinlle uns ángulos feitos coa mesma madeira e atornillados ás pezas de unión.

Acabáronseme os tornillos e tiven que deixar sen rematar dous dos ángulos.

Púxenme a cortar as táboas á medida para o seguinte día lixalas e atornillalas ó bastidor.

Espero que quede ben. Ten boa pinta.

Palmeirán

domingo, 4 de noviembre de 2012

Entre chuvasco e chuvasco

Este xoves tamén estivemos en Lorbé traballando outro pouquiño na Balbina.

Como estaban caendo chuvascos contínuos, ata as 12 estivemos no local, movendo a buceta en construcción para facer un pouco de sitio e traballar máis cómodos.

Rematado ese traballo alá nos fomos cara á Balbina.

Miguel colleu a hidrolimpadora e estivo limpando un pouco a bodega de popa, que tiña falta de desengraxala. Ata que sobre a 1 tivo que marchar.

Fran Vázquez e máis eu estivemos facendo as brazolas do pañol de popa e da bodega de popa.

Os chuvascos nos fixeron parar en varias ocasións, xa que estábamos con ferramenta eléctrica.

Un traballo que nos parecía que acabaríamos en seguida, entre os chuvascos e os problemas que atopamos á hora de asentalas na cuberta, fixeron que alongáramos o tema ata as 6 da tarde.

Deixamos colocada a do pañol, a falta de meterlle uns tornillos algo máis pequenos nos costados e presentada a da bodega de popa, a falta de darlle os últimos retoques e atornillala.

A ver si este fin de semán, se a climatoloxía o permite, poden quedar rematadas estas dúas.

Palmeirán

jueves, 1 de noviembre de 2012

Outra sesión máis de calafateado

Este martes tamén me acheguei de novo ata Lorbé para seguir calafateando a cuberta.

Deixei varias táboas da popa listas. A medida que vou calafateando xa vou collendo máis práctica e o traballo vai máis rápido.

Tamén estou usando uns ferros máis finos, que me prestou o estaleiro, e faise mellor o traballo.

Agora xa vou traballando sobre dúas fendas ó mesmo tempo, para non ter que ir para atrás de cada vez.

Unha vez que acabei, e vendo que hai posibilidade de choiva para estes días, dínlle unha man de Xylazel roble á parte da cuberta calafateada, para que non quede tan desprotexida.

O xoves volveréille a atacar, a ver se desta vez xa con algo de compaña patexeira, se a climatoloxía nolo permite.

Palmeirán

miércoles, 31 de octubre de 2012

Continua o traballo de calafateo

Este sábado pasado alá estiven en Lorbé continuando co traballo de calafateo que xa empezáramos estando o barco a flote.

É un traballo que se leva ben ainda que é algo monótono e incómodo pola posición de sentado sobre a cuberta.

Primeiro limpo ben as ranuras de unión entre as táboas cun coitelo e cun ferro de calafatear fino.

Logo abro un pouco a ranura cos ferros de abrir.

Préviamente xa fun desfacendo o cordón de calafatear, xa que ten seis filásticas e na maioría dos casos me chega cunha  só. Este tamén é un traballo laborioso porque o cordón está embreado e custa un pouquiño abrilo e separar os fios.

Remato metendo o cordón na ranura aberta usando o ferro de retacar.

O sábado non din adiantado moito xa que desgraciadamente fun o único Patexeiro que se achegou a traballar ó barco. Non pensedes mal, e que os Patexeiros sómoche xente moi ocupada.

Palmeirán

sábado, 27 de octubre de 2012

Varada desta tempada

Onte venres sobre as 2 da tarde empezamos cos preparativos para a varada de Balbina para esta tempada.

Nesta varada, que facemos anualmente, aproveitamos para limparlle o casco, pintala e traballar na cuberta e no motor.

Desta a ver se somos capaces de pechala totalmente e deixar o motor funcionando. Pero isa xa foi a intención da varada anterior e non o demos conseguido.

Despóis de coller os cabos necesarios no local patexeiro, achegámonos á Balbina na Zodiac que trouxo Jaime.

Amarramos o cabo de remolque, e entre Jaime na zodiac e eu á caña da Balbina a fomos levando dende o fondeo, fronte á praia de Cirro, ata a rampa do estaleiro de Lorbé.

Unha vez amarrada, Jaime foise de novo na zodiac para Sada e eu comencei a tarefa de baldeado da cuberta.

Sobre as 3 da tarde, achegóuse Francisco que tamén subeu a bordo e botou unha man no baldeo.

E así a deixamos esperando a que abrira o estaleiro para empezar coa manobra, que dou comenzo sobre as tres e media coa baixada do carro ó mar.

Arriamos os cabos e empuxamos pola Balbina dende terra, que coa axuda do pequeno chinchorro do estaleiro se posicionou sobre o carro e uns minutos máis tarde tras centrala empezou manobra de subida.

Da gusto ver a precisión que teñen no estaleiro para pasar co carro entre o terraplén do monte e os demáis carros varados, usando as bisagras para abrir ou pechar máis o ángulo do cable dende o motor de arrastre.

Unha vez arriba e cando xa o ángulo do cable é moi crítico, axúdanse da forza do Land Rover para darlle o último empuxón e colocala xusto ónde queren.

Lista xa a manobra, empezamos a rascar o mexilón que traía pegado na obra viva e a limpalo coa hidrolimpadora.

Rematada esa parte empezamos a limpar ben a cuberta tamén coa hidro, e xusto nese intre chegou Pepe, outro Patexeiro máis, o que xa lle pasamos o relevo da lanza.

Sobre as 7 xa tiñamos lista a tarefa de limpeza e deixamos tapado o motor de novo.

Agora toca a empezar co traballo na cuberta.

 Palmeirán

sábado, 22 de septiembre de 2012

Calafateo, baldeo e achique

Onte venres pola tarde, co mar como un prato, saímos da rampa de Lorbé, sobre as seis e media da tarde, no chinchorro, rumbo á Balbina.

A travesía duns 15 minutos faise agradable. A Balbina está fondeada lonxe do muelle e é un pequeno inconvinte á hora de ir traballar a bordo.

Fran e máis eu subimos a bordo e collemos un par de ferros de calafatear cada un e alá nos puxemos á faena.

Primeiro desfacemos o cordón de cáñamo estopado que temos. Está composto de 6 fios e é moi gordo para a cuberta da Balbina, co que temos que desfacelo en pequenos cordóns de 2 ou de 3 fíos según necesitemos.

Logo limpamos as ranuras ben usando unha espátula. Teñen bastantes cunchas de mexilón, obsequio das nosas amigas as galiñas do mar.

Collemos o ferro de abrir e imos abrindo un pouco as xuntas para que o cordón entre mellor.

Unha vez abertas, imos metendo o cordón usando o ferro de retacar.

Calafateamos unha boa sección da popa.

Tamén aproveitamos para achicar o barco a base de capazos, que tiña moita auga. É o problema de tela aberta e sen calafatear. Cousa que teremos que solucionar canto antes.

Por último e xa cando o sol xa se retirara facía varios minutos, valdeamos e fregamos a cuberta, a sorraina, barraganetes e caurel.

Voltamos xa de noite para a rampa. O mar seguía como un prato, non se oía un ruido e daba gusto remar. Un agradable paseo de volta.

Volveremos nuns días.

Palmeirán

jueves, 20 de septiembre de 2012

Empezamos de novo os traballos na Balbina

Vai acabando o verán e volvemos ó traballo na Balbina.

Hoxe acheguéime ata ela xunto con Angel, un dos alumnos do curso de carpintaría, a botarlle un vistazo e empezar co calafateo.

Costóunos chegar debido ó forte vento do nordés que facía difícil remar no chinchorro.

Ó chegar atopámonos co barco cheo de conchas de mexilón, festín de gaivotas que usan a Balbina como se fora o seu restaurante.

Despóis de limpar un pouco a parte de popa e valdeala, puxémonos a desfacer o cordón de cáñamo e empezamos o traballo de calafatear.

Primeiro limpando ben as ranuras da madeira para que saíran as pequenas conchas de mexilón, logo abríndoas cos ferros de abrir, e posteriormente metendo o cordón cos ferros de retacar.

Non levamos mazo, e usamos uns martelos, pero o golpeteo resoaba en toda a ensenada de Lorbé.

Vimos que a Balbina tiña bastante auga tras moito tempo sen achicala e paramos de calafatear para achicala un pouco, ainda que se nos facía tarde e tivemos que deixalo, así que hai que volver dentro de pouco a acabar o traballo.

Unha vez metido o cordón en varias táboas da popa, démoslle unha man de Xylazel para protexela, porque xa se notaban os efectos do sol na madeira.

Palmeirán